- O Concello
- Cultura
- Turismo
- Deporte
- Urbanismo
- Servizos Sociais
- Servizo de atención temperá
- Actividade musicoterapia xerontolóxica
- Programa “+Benestar” 2024 (Antigo Depotermal)
- Actividade de Piscina para persoas maiores terceira quedan 2024
- Curso de capacitación dixital
- Actividade de “Baile Galego para maiores de 60 anos”
- Actividades para a prevención da dependencia 2025
- Campamentos de Nadal 2024-2025
- Actividade de piscina para persoas maiores primeira quenda 2025
- Servizos
- Trámites
Cultura
Home » Valladares Núñez, Marcial.
Menu
Close
Valladares Núñez, Marcial
Biografía
Nace en Vilancosta – Berres (A Estrada) no ano 1821. Feitos os primeiros estudos, vai ter un profesor particular de latín, o que, unido a un ambiente familiar moi culto, vai marcar o futuro de Marcial. Con doce anos irase para Santiago de Compostela estudar os dous primeiros cursos de bacharelato; o terceiro realizarao en Ourense por mor do traballo do seu pai. Unha vez acabado o bacharelato, ponse a estudar a carreira de dereito, acadando a titulación de Licenciado en Xurisprudencia no ano 1842.
No ano seguinte volve a Compostela para asistir ás clases de Francés e á cátedra de Historia Natural, dirixida polo doutor Casares. No ano 1844 desprazarase para Zamora onde o seu pai ocupaba a praza de Intendente. A familia Valladares volverá a Galicia no ano 1850, a Ourense, pero o seu pai decide retirarse definitivamente a Vilancosta.
Nestes intres, Marcial Valladares vai desenvolver unha intensa actividade política e así, no 1852, resulta electo Deputado Provincial por Tabeirós, cargo no que durará ata o 1866, data na que, como antes fixera o seu pai, se retirou a Vilancosta. No 1861 presidirá a inauguración dos “Xogos Florais” no teatro de Pontevedra. No ano 1880 será nomeado “Miembro Correspondiente” da Real Academia Española. No 1884 será nomeado “Socio de Mérito” pola “Sociedade Folklore Galego”.
Marcial Valladares finará no ano 1903, en Vilancosta. No 1970, a Real Academia Galega adicaralle o “Día das Letras Galegas” e no 2003 o Concello da Estrada adicará o ano á súa figura.
O seu primeiro poema en galego data do ano 1844, titulado “A un paxariño”. A partir de aquí, seguirá a escribir poemas, pero no 1850 comezará a confeccionar o seu Diccionario Gallego-Castellano, que será publicado no 1884 (Biblioteca El Libredón, Santiago). Este diccionario verase ampliado en dúas ocasións: a primeira no ano 1896 co Nuevo Suplemento al Diccionario Gallego-Castellano e posteriormente no 1902 co Nuevo Apéndice al Diccionario Gallego-Castellano.
No 1955 comeza a súa Elementos de Gramática Galega, obra que rematará no ano 1892, pero que permanecerá inédita ata o ano 1970 (Edit. Galaxia).
No 1862 participará no Álbum de la Caridad. Do ano 1867 data o manuscrito do seu Cantigueiro Popular e do 1879 dátase o seu Apéndice ó Cantigueiro Popular, obras que aparecerán integramente publicadas na obra Marcial Valladares Núñez: Cantigueiro Popular elaborada por Xosé Luna Sanmartín (Fundación Cultural da Estrada, 2004).
No 1870 escribe a súa novela Maxina ou a Filla Espúrea, a primeira novela longa da nosa literatura, que será publicada por primeira vez no ano 1880 por entregas na revista dirixida por Manuel Murguía, La ilustración gallega y asturiana (Vía Láctea, 1987; Edicións Xerais de Galicia, 1991; Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, nº 6, 2001).