Cultura

Rei Romeu, Manuel

Biografía

Nace na Estrada en 1964 (Berres-Vilancosta). Cursou os dous últimos anos de EXB no colexio da Estrada e o bacharelato no IES desta localidade, onde volveu a traballar ao comezo da súa vida profesional.


Militante nacionalista desde os dezasete anos. Formou  parte da organización estudantil ERGA, na que desenvolveu diferentes responsabilidades,  e participou no movemento estudantil dos anos oitenta  (a través dos CAF) que contribuíu a democratizar e transformar a Universidade galega. Cursou estudos de Filoloxía Galego-portuguesa na USC.


Nos últimos cursos universitarios fica patente o seu interese pola crítica literaria galega, con aproximacións a figuras relevantes da nosa literatura como Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Castelao… Froito dun especial interese polo significado desta figura para Galiza, en 1991 (Eds. Do Cumio)  publica Arte e verdade : a obra literaria de D. Castelao, que aínda ha de ser durante tempo a única monografía sobre o conxunto da súa obra literaria. A partir deste momento, desenvolve un intenso labor de divulgación desta figura, clave do nacionalismo actual, acrecentado con publicacións que perseguen ese mesmo cometido: Castelao e Sempre en Galiza (Laiovento, 1996); Alfonso Daniel Castelao (A Nosa Terra, 1999); Castelao: desta terra, deste tempo (Consello da Xuventude, 2000). Participou tamén en obras colectivas como Literatura galega: da Idade Media ao século XIX; a Historia da literatura Galega da AS-PG; Historia da literatura galega do séc. XX (2001);En 2011 publica coa AELG  Volver a Castelao.


Colaborou na realización de escolmas literarias e de varios estudos monográficos sobre  historia da literatura galega.


Como concelleiro do BNG, participou  no cogoberno do Concello de Pontedeume, sendo o primeiro tenente de alcalde  entre os anos 1999 e   2007. Entre 2007 e 2011 foi Portavoz do BNG na oposición.


Participa da dirección e actividades de entidades de base como a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, da Sociedade cultural Medulio de Ferrol e forma parte da Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística.


Exerce como  profesor de Lingua galega e literatura no IES Concepción Arenal de Ferrol desde hai máis de trinta anos.

Scroll ao inicio
Ir o contido