A Estrada inaugura unhas pistas de atletismo de nivel mundial Este luns celebrouse a tan esperada inauguración das novas pistas de atletismo de A Estrada, unha infraestrutura de referencia que marca un fito para o deporte local e galego. Estas instalacións, consideradas “das mellores do mundo” polo atleta olímpico Adrián Ben, representan un salto cualitativo que permitirá aos deportistas locais mellorar os seus adestramentos e competir en condicións óptimas. O evento contou coa presenza de autoridades como o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, o conselleiro de Cultura Jose Lopez o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen destacou o potencial destas pistas para acoller probas de nivel nacional e internacional. As palabras de Adrián Ben, finalista olímpico e campión de Europa, resoaron con forza entre os asistentes, recordando o esforzo que supón para moitos atletas non contar con infraestruturas axeitadas. “Sodes moi afortunados de ter estas pistas, algo do que moitos non puidemos gozar nos nosos inicios”, afirmou Ben, poñendo en valor a oportunidade que teñen os novos deportistas de A Estrada. O alcalde, Gonzalo Louzao, subliñou o carácter pioneiro desta infraestrutura, agradecendo a colaboración entre administracións que a fixeron posible, e resaltou a implicación histórica dos clubs de atletismo locais, coma o Atletismo A Estrada e o Club Atletismo Independiente (CAI), así como o antigo San Paio, que impulsaron esta demanda hai máis dunha década. Estas pistas de atletismo, equipadas para a práctica de varias disciplinas, comezarán a súa actividade oficial o próximo luns, cando deportistas locais e veciños poderán gozar delas seguindo as normas de uso e preferencia establecidas. Con esta nova infraestrutura, A Estrada consolídase como “capital galega do deporte”, dando un paso máis no seu compromiso co fomento da práctica deportiva e a organización de eventos de alto nivel.